Thursday 02 de May de 2024

Arranque das obras de pavimentación e renovación de servizos da rúa da Concha e transversal no núcleo de Castiñeiras


O Concello de Riveira informa do comezo dunha nova actuación consistente na renovación de servizos e pavimentación da rúa da Concha e transversal no núcleo de Castiñeiras.

Operarios da empresa adxudicataria Excavaciones Nima, S.L., deron inicio a esta obra, que tenun importe de 145.590,85 euros. O prazo de execución son catro meses.

Deterioro
Actualmente tanto a rúa da Concha como a rúa transversal contan con pavimentos de formigón nos que se apreza un deterioro significativo en forma de socavóns e disgregacións. Ademais, a rede de abastecemento esta feita en fibrocemento e non hai separativo de augas pluviais e fecais, polo que ambas circulan por un único colector.

Para solucionar estas carencias, o proxecto a executar prevé no que se refire ao abastecemento de auga substituír a tubaxe existente por outra de polietileno de alta densidade con diámetros de 75 milímetros na rúa da Concha e de 50 milímetros na transversal. Ademais, para o saneamento de fecais disporase un colector de PVC liso de 315 milímetros de diámetro que conducirá as augas ata entroncar coa rede existente e, con respecto ás pluviais, instalarase polo centro da calzada colectores de PVC corrugado de 315 milímetros de diámetro e construiranse sumidoiros sifónicos de formigón prefabricado.

Granito
En canto á pavimentación, preténdese adecuar este espazo á estética xa implementada en rúas lindeiras, de tal xeito que se empregarán lousas de granito de 60x40x8 centímetros combinadas con adoquíns de granito de 33x16x8 centímetros.